Saturday 18 de May de 2024

Galicia incrementa a súa cifra de viaxeiros no mes de febreiro nun 12,3%, superando os 184.000 visitantes


Deste xeito, a nosa comunidade acadou no pasado mes o nivel de viaxeiros nun mes de febreiro máis elevado desde o 2009

Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 12,3%, ata situarse en 184.270. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 14,2%, contabilizándose preto de 340.000 no conxunto da comunidade.

Deste xeito, Galicia acadou no pasado mes o nivel de viaxeiros aloxados nun mes de febreiro máis elevado desde o 2009 e o a cifra de pernoitas máis alta dos últimos seis anos.

A nivel estatal observouse un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada, do 12,9% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 12,2% no que atinxe ás pernoitas.

No que se refire aos dous grandes segmentos de mercado, neste mes de febreiro, Galicia rexistrou un comportamento homoxéneo, tanto o nacional coma o internacional contribuíron aos bos resultados acadados neste mes.

Subiu o turismo nacional, nun 15,6%, consecuencia esencialmente do crecemento da cifra de viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia, do 12,1%, neste caso.

Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 13,8% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 6,3% as súas pernoitas.

Neste segundo mes do ano o 93,2% da demanda turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis – que representaron o 77%- como ás pensións –co 16% neste caso-. O 6,8% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 4,2%-, aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 2,5% neste caso- e aos cámpings –que representaron neste mes de temporada baixa o 0,1% do total da demanda regrada-.

En canto ao incremento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos viaxeiros aloxados nos establecementos extrahoteleiros e particularmente nos apartamentos turísticos e nos cámpings, do 60,1% e 45,7% respectivamente, aínda que o segmento hoteleiro rexistrou tamén un comportamento positivo con incrementos de viaxeiros tanto nos hoteis, do 9,5%, como nas pensións, do 28,7% neste caso.

En termos de ocupación, destaca a mellora rexistrada nos hoteis, nas pensións e nos apartamentos turísticos que incrementan entre un e dous puntos porcentuais as súas cifras do pasado ano.

Primeiros dous meses do ano
Nos primeiros dous meses deste ano, Galicia acadou a cifra de 340.796 viaxeiros, o que supón un incremento do 11,9% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 11,3% neste caso, acadando a nosa comunidade as 619.608 noites.

Estes incrementos permitiron que a nosa comunidade superase por vez primeira dende 201 o nivel das 600.000 pernoitas neste período de tempo e acadase a cifra de viaxeiros máis elevada desde 2009 neste primeiro bimestre do ano.

A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 12,0% mentres que as pernoitas incrementáronse un 10,3%.

Tanto o mercado nacional como o internacional mantiveron unha tendencia positiva, subindo o turismo nacional, un 12,3% no tocante as pernoitas e un 12,4% no que atinxe aos viaxeiros. O turismo internacional incrementou nun 5,7% as súas pernoitas e nun 8,6% os seus viaxeiros.

En canto ao crecemento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos apartamentos turísticos, nos cámpings, nos establecementos de turismo rural e nos hoteis, do 35,2%, 16,2%, 12,2% e 11,3% respectivamente.